Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Ribeira denuncia a falta de persoal médico no Centro de Saúde de Ribeira


A falta de 5 médicos de Atención Primaria, obriga a 4 médicos a asumir un cupo a maiores de 1500 pacientes cada un.

No día de hoxe, membros do equipo de goberno municipal e traballadores do Centro de Saúde de Ribeira, concentráronse nas portas desta instalación para denunciar a falta de persoal médico e a situación de precariedade na que os profesionais da saúde desenvolven o seu traballo.
“O que está a pasar no Centro de Saúde é a continuación do desdén da Consellería coa poboación de Ribeira” afirmaba o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones. Segundo explica; o cadro de facultativos está reducida á metade, deixando a 6.000 pacientes sen sanitario. “Hoxe faltan 5 médicos no Centro de Saúde, que se corresponden con dúas baixas de longa duración e varias prazas que están sen cubrir.”
Dende o goberno municipal denuncian a excesiva carga de traballo dos profesionais da saúde e o deterioro da atención primaria debido á falta de persoal que remata repercutindo na atención especializada. “Os pacientes teñen dereito a que se lles atenda nas mellores condicións; hoxe moitos quedaron sen atender e tiveronse que desprazarse a outros centros ou ás Urxencias do hospital” afirmou Furones.

Os traballadores do centro de saúde destacan a falta de atención á poboación de Ribeira. “O paciente crónico non está ben atendido porque os médicos están desbordados ao ter que cubrir cupos que non lle corresponden. Isto deriva nunha enorme falta da calidade na atención primaria facendo que se perda calidade de vida e un agravamento da enfermidade do paciente” explica Isabel Fernández, traballadora social do Centro, quen tamén apela á cidadanía para que se mobilice e demande melloras no servizo. “Temos que loitar pola sanidade pública de calidade”.

O alcalde, Luís Pérez Barral, expresou o seu apoio aos traballadores e traballadoras do Centro de Saúde de Ribeira, consultorios de Corrubedo, Palmeira e Aguiño, e do Hospital do Barbanza “que se están vendo repercutidos por esta situación límite”. Segundo explicou, dende o Concello notificouse á Consellería de Sanidade o acontecido no día de hoxe. “A administración autonómica debe reverter esta situación e atender ás reivindicacións dos profesionais sanitarios porque redundará nunha mellora da calidade asistencial que se lle presta á poboación do noso concello” aseverou Pérez Barral. “Solícitamoslle de xeito reiterado dende o mes de xullo do 2023 á Consellería que sente a falar con este goberno local para tratar de solucionar os problemas que ten o Centro de Saúde de Ribeira, comezando pola necesidade de cubrir todo o persoal de baixa e as vacacións e seguindo pola mellora do propio centro sanitario. Teñen a nosa man tendida para colaborar no que se precise para que apoboación de Ribeira teña acceso a unha atención médica de calidade.”

Deja un comentario